viernes, 19 de diciembre de 2014

Respaldo do Consello Europeo a un fondo de investimentos de ata 315.000 millóns de euros

Onte e hoxe celebrouse en Bruxelas a reunión ordinaria do Consello Europeo, que foi o último celebrado baixo a Presidencia italiana e o primeiro presidido polo novo presidente do Consello Europeo, o polaco Donald Tusk.

Á súa finalización e en rolda de prensa, o presidente do Goberno Mariano Rajoy destacou o respaldo do Consello Europeo ao "Plan Juncker", un fondo de investimentos que "ten como obxectivo centrar e mobilizar ata 315.000 millóns de euros en investimentos en tres anos".

Explicou que se creará o Fondo Europeo de Investimentos Estratéxicos, que contará con 21.000 millóns de euros de fondos públicos: 16.000 provirán do presuposto comunitario e 5.000 do Banco Europeo de Investimentos. Este Plan ten un dobre obxectivo: "Reforzar a capacidade de asunción de riscos do Banco Europeo de Investimentos e mobilizar investimentos esencialmente privados".

Detallou que o citado Fondo consta de dúas partes. Por un lado, proxectos de infraestrutura de relevancia europea, fundamentalmente en redes dixitais e de enerxía, aínda que tamén se consideran outros como transporte, educación, investigación e desenvolvemento, enerxías renovables e eficiencia enerxética. 

Neste caso, "o apoio do Plan Juncker será vía cobertura de risco ou achegas de capital", é dicir, "non" supón financiamento público directo", senón que os proxectos, para poder ser seleccionados, deben presentar "uns retornos suficientes e unha elevada participación do sector privado". Segundo dixo Rajoy, "non" se trata de ampliar os actuais Fondos Estruturais, senón de ter fontes de financiamento máis baratas".

"O outro compoñente do Fondo -engadiu Rajoy- é o financiamento de riscos para PEME e empresas de mediana capitalización, que constitúen o groso do noso tecido empresarial e que son os principais creadores de emprego,".

En opinión de Rajoy, o "Plan Juncker" é un elemento esencial para "avanzar na creación do mercado interior" e rematar coas barreiras físicas que obstaculizan o seu pleno funcionamento. 

Ese é o caso das interconexións enerxéticas - especialmente as eléctricas- entre a Península Ibérica e o resto de Europa.

Neste sentido, Rajoy subliñou a xuntanza mantida co presidente francés, François Hollande, o primeiro ministro portugués, Pedro Passos Coelho, e o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, co fin de impulsalas.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta