jueves, 17 de abril de 2014

Enquisa obre as vindeiras e importantes eleccións europeas

O pasado 14 de abril coñecimos os últimos datos da enquisa sobre intencións de voto ante as eleccións europeas de 2014, que o Parlamento Europeo encargou a TNS Opinión. Reflicte o estado actual da opinión pública nos Estados membros da Unión Europea e así o reparto de escanos segundo este estudo sería:
O PPE, a familia política do centrodereita europeo gañaría as eleccións e obtería o 213 escanos.

A Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas S&D,quedaría en segundo lugar, con 209 escanos.

A Alianza dos Demócratas e Liberais por Europa (ALDE), sería a terceira forza con 61 escanos.

O Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), chegaría a 49 escanos e sería a cuarta forza.

O Partido Verde Europeo alcanzaría 42 escanos, situándose en quinto lugar.

En sexto lugar aparece a Alianza Europea de Conservadores e Reformistas que tería 38 escanos.

E en sétimo lugar quedaría Europa da Liberdade e a Democracia (EFD) que obtería 32 escanos.

Tamén no estudo hai escanos para os non adscritos e outros. 

Unha vez mais convén lembrar que o próximo 25 de maio máis de 400 millóns de europeos fomos convocados ás urnas para elixir a 751 eurodiputados, dos cales 54 serán españois. Serán estas as sétimas eleccións que se celebran no noso país desde aquelas xa afastadas que tiveron lugar en 1987. Entón, o Parlamento Europeo, que alcanzara tal condición desde a súa elección por sufraxio universal en 1979, non era moito máis que unha asemblea consultiva.

Tralas sucesivas reformas do Acta Única e os tratados de Maastricht, Ámsterdam, Niza e Lisboa, o Parlamento Europeo é non só o órgano representativo dos cidadáns europeos, senón tamén o colexislador, en pé de igualdade co Consello de Ministros na inmensa maioría das competencias lexislativas atribuídas á Unión.

Si temos en conta que entre o 70 % e o 80 % das disposicións lexislativas que regulan as nosas vidas proveñen directa ou indirectamente de Europa, non resulta difícil argumentar en favor da transcendencia destas eleccións. Ademais, o Tratado de Lisboa incorpora a esta convocatoria a elección indirecta do presidente da Comisión polos cidadáns, que terán a oportunidade de elixir entre os diferentes candidatos presentados polos partidos políticos europeos.

Termino citando unhas recentes palabras de Mariano Rajoy no Pleno do Congreso : “Tamén fai máis de seis décadas, o meu paisano, Salvador de Madariaga, cuxa vida e obras demostran que se pode ser ao mesmo tempo profundamente galego, rabiosamente español e apasionadamente europeo, afirmou que Europa non será unha realidade ata que non o sexa na conciencia dos cidadáns. Non hai expresión máis rotunda de tal desexo que o feito de participar na articulación desta Unión Europea que, tras superar a crise económica e financeira máis profunda da súa historia, enfilou xa a senda da recuperación e a creación de emprego. Por iso, permítanme que conclúa esta intervención animando aos españois e a todos os europeos a acudir ás urnas o próximo 25 de maio e a contribuír así a conformar o futuro de Europa, que é o noso.”

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.